Toponimia de Galicia

Supervisión da Comisión de Toponimia

O labor da Ponencia de Estudos da Comisión de Toponimia implica unha primeira fase de traballo de gabinete na que o equipo de lingüistas do proxecto realiza unha nova revisión dos topónimos para facer unha escolma dos máis problemáticos. Estes son codificados segundo o tipo de problema lingüístico (gráfico, fonético, morfolóxico, sintáctico...) que presente cada un deles. Logo faise un contraste dos topónimos clasificados como entidades de poboación co Nomenclátor de Galicia.

Nunha segunda fase, reúnense os membros da Ponencia de Estudos. Poñen en común o ditame dos topónimos preseleccionados e propoñen unha primeira forma normativizada. Os topónimos que non se poden ditaminar na sesión de traballo envíanse de novo a comprobar ou preguntar en campo, ou quedan pendentes de que se poida ampliar información sobre eles mediante consultas a fontes escritas, tanto históricas como actuais.

Para facilitar a análise da información deseñouse un programa informático que permite que cada membro da Comisión poida visualizar dun xeito fácil as particularidades de cada topónimo e facer os comentarios pertinentes para a súa fixación final. Así mesmo, permite consultar formas xa normativizadas noutros concellos que poidan servir de criterio para solucionar un problema concreto.

Aplicación Comisión de Toponimia

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade