Toponimia de Galicia

Buscador de topónimos
Topónimo:

 

SITGA

 

Nomenclator

 

Impresora Email

Neste mes de xullo a Comisión de Toponimia está revisando os nomes do concello de Tomiño

15/07/2010

Nova: Neste mes de xullo a Comisión de Toponimia está revisando os nomes do concello de Tomiño

Unha vez que a Ponencia de Estudos finalizou a revisión da toponimia do concello de Ribadumia a finais do mes de xuño, a comezos do presente iniciou o estudo dos nomes recollidos polo PTG no de Tomiño.

En Ribadumia foron analizados 1.226 topónimos, dos que se trataron na sesión de traballo 248. Destes quedaron 80 para contrastar de novo en campo con máis informantes ou en documentación antiga. Entre eles, nomes como: Bertufea, Ratón, O Gorboto, Pedazos, Tomada Canilla, Vaqueres, Carbafigo, Cateliños, O Balagón, Argel, Devaso, A Agupedra, Adoxido, Aguardeira...

O concello de Tomiño ten unha superficie de 106,51 km², na que se rexistraron 4.872 topónimos. Atópase enmarcado entre o río Miño, que discorre no seu último treito, e as serras de Argallo e o macizo do Galiñeiro. Tamén se caracteriza pola formación de terrazas fluviais que descenden en bancada cara ao Miño e producen extensas chairas, onde existe moito viñedo e cultivos de árbores froiteiras. O municipio está dividido en 15 parroquias, polo que a revisión destes nomes planificouse para 2 sesións de traballo: na primeira estudáronse sete parroquias e na reunión de finais de mes estudaranse as outras oito.

Chama a atención neste concello a cantidade de nomes que levan o xenérico “eido”, que nalgunhas entidades de poboación onde as casas están moi dispersas se identifican con partes de lugar ou aldea. Tamén é interesante foneticamente a toponimia da parroquia de Goián, na que se dan fenómenos como a ditongación típica goianesa en vogais tónicas abertas, por exemplo A Pardiella, As Pinialas, A Barxiala, A Fontiala, O Muño Viello...

Outro aspecto que cómpre destacar desta toponimia son os nomes das moitas escolas e casas de indianos que existen na zona, así como dos petos de ánimas ou almiñas.

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade