Toponimia de Galicia

Buscador de topónimos
Topónimo:

 

SITGA

 

Nomenclator

 

Impresora Email

Difusión do Proxecto Toponimia de Galicia na TVG

26/08/2010

Nova: Difusión do Proxecto Toponimia de Galicia na TVG

Neste mes de agosto, a TVG está a promover e difundir o Proxecto Toponimia de Galicia a través de tres reportaxes emitidas nesta canle en varios dos seus programas.

A primeira reportaxe apareceu o sábado, 14 de agosto, no programa Desde Galicia para o Mundo, que combina entrevistas, música e reportaxes para retratar a vida e a cultura de Galicia, no presente e no pasado.

No vídeo aparecen salientados algúns dos trazos do PTG, como o feito de que está promovido pola Xunta de Galicia para preservar a riqueza toponímica da nosa terra, que se está a perder pola transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais. Actualmente xa se completou a recolleita de topónimos en campo en máis dun centenar de concellos e parte desta información xa está dispoñible na rede para todo o público a través do buscador da web do PTG.

O director do proxecto, Xermán García Cancela, comenta algunha das particularidades do traballo de campo e fala de cales son os nomes máis comúns en Galicia. Ademais pide a colaboración de todas as persoas ou organismos interesados en contribuír á conservación da súa toponimia.

A segunda reportaxe está dedicada á páxina web do PTG e emitiuse o martes, 24 de agosto, no programa Ben Falado!, un microespazo dedicado á lingua, dirixido polo académico Xesús Ferro Ruibal e financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

No programa, o director do proxecto ofrece unha visión xeral dos contidos que se poden atopar na páxina, ademais de destacar a importancia que ten a información recolleita na web para múltiples sectores da sociedade galega e non só para os estudosos da lingua. Tamén se pode ver unha explicación breve do funcionamento do buscador xeral e do buscador avanzado de topónimos, realizada por Vicente Feijoo, un dos técnicos do PTG.

A última reportaxe emitiuse tamén no programa Ben Falado! o día 25 de agosto e nela Gonzalo Navaza, Antón Santamarina e Elixio Rivas, membros da Ponencia de Estudos da Comisión de Toponimia abordan algunhas particularidades da toponimia recolleita galega. Así, explican algúns dos motivos da riqueza de microtopónimos en Galicia (dispersión da poboación e fragmentación da propiedade) e expoñen algunhas das motivacións utilizadas historicamente para crear un topónimo. Por outra parte, salientan a perda da toponimia histórica nas novas xeracións e a necesidade de que as administracións locais respecten as formas tradicionais.

 

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade