Toponimia de Galicia

Buscador de topónimos
Topónimo:

 

SITGA

 

Nomenclator

 

A Comisión de Toponimia finalizou a revisión da toponimia do concello da Merca. Actualmente está a supervisar a de Oia

10/12/2010

Nova: A Comisión de Toponimia finalizou a revisión da toponimia do concello da Merca. Actualmente está a supervisar a de Oia

Durante o pasado mes de novembro a Ponencia de Estudos dedicou dúas sesións á toponimia recolleita no concello da Merca. Neste concello, de 50'9 km², rexistráronse un total de 1.796 topónimos, repartidos en 12 parroquias. As terras das 71 aldeas existentes están quedando ermas e hai unha perda de poboación importante. Isto provocou que a densidade toponímica non resultase moi elevada, pois nalgunhas zonas resultou difícil dar con informantes que saiban os nomes dos montes. Malia todo, na toponimia recolleita rexístranse datos moi interesantes. Dos máis de 200 nomes estudados e contrastados entre os membros da Comisión durante as sesións de traballo, quedaron para preguntar de novo en campo ou para buscar en documentación antiga algúns tan curiosos ou estraños como Arcalín, Cuberneira, Grabilés, San Mon, Aveses, Alera, A Resideria, Gulina, O Pombaou, Nocilló, Sandiougas...

Actualmente os membros da Ponencia de Estudos están a revisar os máis de 9.000 topónimos rexistrados no concello de Oia. Esta altísima densidade acadada en tan só 83'3 km² de superficie é debida a unha recolleita moi exhaustiva por parte do técnico de campo, Roberto Rodríguez, na que, ademais dos nomes das terras, regatos, fontes ou penedos, se recolleron os nomes de elementos de interese cultural como os son os canizos (hórreos), os cabanóns e cortes do gando no monte, lavadoiros... Tamén hai un bo número de nomes de casas particulares. A Comisión decidiu que todos estes elementos non figurarán nos mapas como topónimos aínda que son interesantes para facer determinados estudos etnográficos ou culturais. Outro aspecto que cómpre destacar da toponimia deste concello foi a intensa recolleita que se fixo dos nomes do mar. En toda a costa de Oia obtivéronse máis de 500 topónimos da boca dos vellos mariñeiros que coñecen á perfección cada baixo, laxe, outeiro, castelo, laño, seco, rego.... do seu mar.  Estes nomes supoñen unha información de gran valor respecto da actividade mariñeira e permiten relacionar os topónimos aínda vivos co tipo de peixe que abundaba, coa perigosidade do mar ou coas desgrazas acontecidas, entre outros.

Ante tal cantidade de topónimos por revisar, estase traballando por parroquias. Neste mes de decembro xa se trataron os 1.159 da parroquia de Mougás e agora estanse a analizar os 3.669 de Burgueira.

 

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade