Toponimia de Galicia

Toponimia

A toponimia é a ciencia que estuda os nomes con que identificamos determinados espazos do territorio. É, sen dúbida, un dos campos máis enriquecedores e apaixonantes para quen estude a lingua e a cultura de calquera país. Os nosos antepasados foron bautizando en diversos momentos da historia os lugares que habitaban e cultivaban. Ademais, a maior parte dos topónimos tiñan, e moitos aínda teñen, un significado axeitado á realidade xeográfica en que naceron. Co tempo, esta realidade foi mudando e hoxe en día xa hai centos e centos de topónimos opacos, é dicir, que non nos dan pistas reais sobre o que denominan. Pero, grazas ao seu estudo, podemos coñecer mellor a nosa lingua e a nosa historia.

A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. O carácter permanente dos topónimos fainos monumentos históricos, que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva.

Sobre a riqueza de nomes de lugar en Galicia téñense feito moitas estimacións, que van desde os "cien mil nombres geográficos, separados, aunque no distintos" de que falaba o padre Sarmiento, aos "treinta millones de fincas, cada una con su nombre" que calculaba Filgueira Valverde. O que sabemos con certeza é que vivimos nun país que ten un terzo dos nomes de lugar de toda España.

Esta abundancia de topónimos viuse favorecida pola dispersión das entidades de poboación; pola enorme repartición da terra (minifundismo); pola orografía irregular e dificultosa do terreo; pola secular explotación dos recursos agrícolas, gandeiros e mariñeiros; pola abundante e variada flora e fauna; e, ao cabo, pola vontade de querer nomear cada anaco de terra.

Hoxe, a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio. Desde hai tempo estase a observar unha preocupante perda da microtoponimia tanto no medio rural coma no urbano. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre, ou que abandona a súa actividade no agro ou no mar, desaparece un bo número de topónimos.

A Real Academia Galega, nun informe dirixido ao Goberno e ao Parlamento de Galicia no ano 2001, alertaba sobre este feito, nun diagnóstico que recolle expresións coma as seguintes: "O abandono da actividade agraria, o xigantesco proceso de urbanización e diversas intervencións como obras públicas ou concentracións parcelarias poñen en perigo de desaparición irreversible unha gran parte deste tesouro. [...] Cómpre unha acción institucional intensa (que pode estimular a cooperación privada, como acontece xa con certas Comunidades de Montes) que salve nesta lexislatura este tesouro, na seguridade de que na posterior sería xa inútil intentalo. [...] A RAG considera boas todas as iniciativas pero advirte de que estamos ante unha emerxencia cultural. Precísase un proxecto máis ambicioso que nos permita salvar en catro anos a microtoponimia ou estarémola dando por perdida para sempre".

E o Plan xeral de normalización lingüística, aprobado, o 22 de setembro de 2004, por unanimidade do Parlamento de Galicia, recolle, entre as súas propostas, a seguinte:

-1.2.6. "Establecer que todos os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións (maioritariamente, deputacións e concellos, os servizos de concentración parcelaria e o catastro) teñen que levar incorporada a recollida da microtoponimia, consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia, e que o material cartográfico recollido deberá ser remitido ao SITGA, para a súa organización e posta á disposición da sociedade na Rede". 

Por esta urxente necesidade de salvar un patrimonio tan valioso, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, unha vez rematada a fase de fixación da toponimia de entidades de poboación (Nomenclátor de Galicia), promoveu a posta en marcha do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), que constitúe un plan orientado á recolleita, introdución nunha base de datos, normativización e dixitalización de toda a microtoponimia galega.

 

 

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade