Toponimia de Galicia

Fase autonómica

Na fase autonómica (a partir de 1984), o precepto legal sentado na Lei de normalización lingüística ten como primeira norma de desenvolvemento o Decreto 43/1984, do 23 de marzo, polo que se regulan as funcións e a composición da Comisión de Toponimia (DOG do 31.03.1984). No seu preámbulo aconséllase regulamentar novamente tal Comisión, adaptándoa ás esixencias culturais e legais existentes no momento.

Efectivamente, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, establece no seu artigo 10 que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". O mesmo artigo dispón que lle "corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbana e dos topónimos de Galicia". Estes mandatos e estas previsións legais aconsellan, pois, unha remodelación da Comisión, tanto no que se refire á súa adscrición orgánica como no que lle cómpre na súa composición e no funcionamento e métodos de traballo.

Previamente, o Decreto 249/1983, do 24 de novembro, adscribira a Comisión de Toponimia á Secretaría Xeral Técnica da Consellería da Presidencia e prevía que a súa composición e as súas funcións se determinarían regulamentariamente, establecendo que se crea para afrontar "a urxente tarefa de volver á súa forma enxebre a riqueza toponímica de Galicia, liberándoa de deturpacións ou desaxeitadas grafías impostas polo olvido, ou pola ignorancia, ou polo descoñecemento do noso patrimonio cultural e lingüístico".

O decreto foi modificado polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño para adaptar a composición da Comisión aos cambios producidos na estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Como datos máis salientables verbo da composición da Comisión de Toponimia podemos citar:

A. A Comisión funciona en Pleno e en Ponencia de Estudos. Esta última elabora as propostas de ditame para o Pleno. Nela intégranse os seis vogais de libre designación que nomee o conselleiro de Presidencia entre expertos en toponimia e lingua galega.

B. O Pleno está presidido polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e intégrano:

B.1. Representantes de distintos departamentos da Xunta de Galicia (Presidencia, Política Lingüística, Administración Local, Urbanismo, Estatística e Desenvolvemento Comarcal)

B.2. Representantes de diversas institucións científicas

B.3. Os vogais de libre designación que compoñen a Ponencia de Estudos

B.4. Un funcionario da Consellería de Presidencia, con voz e sen voto, que exerce a secretaría da Comisión

Actualmente, o funcionamento da Comisión de Toponimia cínxese ao labor que exerce a Ponencia de Estudos dentro do Proxecto Toponimia de Galicia. En sesións periódicas supervisa a toponimia recolleita nos distintos concellos e marca as directrices de corrección.

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade