Toponimia de Galicia

Fase preautonómica

 

Caderno toponimia nº 1

Nesta etapa, o Decreto 42/1979, do 21 de setembro, crea a Comisión de Toponimia na Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia.

Atendendo á exposición dos motivos, a creación desta Comisión deriva nese momento da facultade que o Real decreto lei 14/1978, do 13 de febreiro, lle transfire á Xunta de Galicia de alterar os nomes e capitalidades dos municipios; e da que o Real decreto 1710/1979, do 16 de xuño, lles atribúe aos concellos para modificaren os nomes das rúas, prazas e parques de conxuntos urbanos.

En ambos os casos se esixe o informe preceptivo favorable "dun Organismo Lingüístico Rexional de carácter oficial ou, no seu defecto, de recoñecido prestixio, para os cambios de denominación ás linguas vernáculas."

O artigo primeiro do decreto crea a Comisión de Toponimia, como órgano da Xunta de Galicia, adscrita organicamente á Consellería de Educación e Cultura, para a normalización da toponimia en Galicia.

Os artigos segundo e terceiro establecen como competencias desta comisión, entre outras:

  • Emitir os ditames que soliciten as corporacións locais para os cambios de denominación á lingua galega ou correccións ortográficas de nomes nos municipios, así como de rúas, prazas e parques de conxuntos urbanos.
  • Emitir ditame oficial sobre as denominacións en lingua galega que teñen que figurar no material cartográfico referente a Galicia.

O artigo cuarto establece que a Comisión de Toponimia estará integrada por especialistas en filoloxía, xeografía, historia, paleografía e cartografía, aplicadas á lingua e cultura galegas.

En desenvolvemento deste artigo, ditouse a Orde 17/1979, do 21 de setembro, pola que se nomean os membros da Comisión de Toponimia da Consellería de Educación e Cultura.

A composición que establecía a devandita orde era a seguinte:

  • Presidente: José Fernando Filgueira Valverde
  • Vicepresidente: Antonio Fraguas Fraguas
  • Secretario: Antón Santamarina Fernández
  • Vogais: Ricardo Carballo Calero, Ramón Martínez López, José Luis Rodríguez Fernández, Isidoro Millán González -Pardo, José Luis Pensado Tomé, Manuel Vidán Torreira, Manuel Lucas Álvarez, Abelardo Moralejo Laso, Antonio Gil Merino, Francisco Javier Río Barja, Ramón Lorenzo Martínez e Amando Losada Díaz.

 

Caderno toponimia nº 7

Con posterioridade á creación da Comisión incorporáronse:

  • José Ramón Cólera Leirado, en representación da Consellería de Administración Local, e José Luis Blanco Fernández, como director do Observatorio Estatístico Rexional.

Froito do traballo da Comisión de Toponimia editáronse, entre xullo de 1980 e o verán de 1982, sete cadernos que recollen a revisión da toponimia de 72 concellos.

Moitos destes ditames mantivéronse como válidos na revisión que se fixo a partir de 1984, mentres que outros foron revisados.

 

 

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade