Toponimia de Galicia

Normativa

Desde a aprobación do Estatuto de autonomía, Galicia tratou de recuperar novos ámbitos de uso para a lingua. A toponimia, parte importante do sistema lingüístico, presentaba nos comezos da Autonomía un alarmante estado de deturpación, como se pode comprobar nos nomenclátores oficiais, na rotulación e no emprego por parte dos poderes públicos.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que fixa o marco para o uso oficial do galego en diversos ámbitos, contén tamén a base legal para a recuperación e fixación da toponimia galega. No seu artigo 10 establece que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega" e que "corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo concello correspondente."

Este precepto da Lei de normalización lingüística tivo un desenvolvemento normativo posterior para establecer:

  • A Comisión de Toponimia, como órgano asesor do Goberno de Galicia nesta materia, o que se realizou a través do Decreto 43/1984, do 23 de marzo, modificado polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño.

 

Nos anos seguintes á creación da Comisión de Toponimia e ao establecemento do procedemento para fixar ou recuperar a toponimia, a Xunta de Galicia abordou o estudo e ditame das formas oficiais dos topónimos de entidades de poboación. Primeiro en distintos decretos fixou o nome oficial dos concellos. Posteriormente, para cada concello ditou un decreto en que fixa o nome das parroquias e unha orde para fixar o nome dos lugares ou aldeas. Nun momento posterior, recompilou a toponimia oficial por provincias, que pode consultarse nos seguintes decretos:

  • Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Ourense (DOG do 29.08.1996; BOE do 18.11.1998)
  • Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra (DOG do 28.07.1998; BOE do 17.11.1998, corr. erros no BOE 4.03.1999)
  • Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo (DOG do 25.01.2000; BOE do 24.02.2000)
  • Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente á entidades de poboación da provincia da Coruña (DOG do 25.03.2003; BOE do 6.11.2003)

 

A mesma información aparece publicada no Nomenclátor de Galicia do ano 2003, que tamén se pode consultar en rede no enderezo cpax.xunta.es/toponimia-oficial.

Máis recentemente, a política de salvagarda e protección do patrimonio toponímico ten amparo no Plan xeral de normalización lingüística, que fixa como unha das medidas neste ámbito: "Establecer que todos os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións (maioritariamente, deputacións e concellos, os servizos de concentración parcelaria e o catastro) teñen que levar incorporada a recollida da microtoponimia, consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia e que o material toponímico recollido deberá ser remitido ao SITGA, para a súa organización e posta á disposición da sociedade na Rede" (Medida 1.2.6. Sector 1. Administración. Área 2. Administración local).

Por outra banda, cómpre non esquecer que determinadas recomendacións internacionais, como por exemplo, as das Conferencias das Nacións Unidas sobre a Normalización de Nomes Xeográficos e Grupos de Expertos das Nacións Unidas sobre Nomes Xeográficos (GENUNX) e algunhas normas de ámbito estatal inciden directamente nas actuacións da Xunta de Galicia en materia de toponimia.

Poden consultarse a este respecto os documentos e normas que citamos a seguir.

Normativa autonómica

Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, (DOG do 14 de xullo de 1983)

Decreto 132/1984, do 6 de setembro, polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia (DOG do 21 de setembro de 1984)

Decreto 174/1998, do 5 de xuño, polo que se modifica o Decreto 43/1984, do 23 de marzo, polo que se regulan as funcións e a composición da Composición de Toponimia (DOG do 22 xuño de 1998)

Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Ourense (DOG do 29.08.1996; BOE do 18.11.1998)

Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra (DOG do 28.07.1998; BOE do 17.11.1998, corr. erros no BOE 4.03.1999)

Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo (DOG do 25.01.2000; BOE do 24.02.2000)

Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente á entidades de poboación da provincia da Coruña (DOG do 25.03.2003; BOE do 6.11.2003)

Normativa estatal

Real decreto 1476/2004, do 18 de xuño, polo que se regula a estrutura básica do Ministerio de Fomento (BOE do 19.06.2004). No artigo 13 menciónanse as funcións do Instituto Geográfico Nacional, entre as que figuran: a formación e conservación do Nomenclátor Xeográfico Nacional e a toponimia oficial

Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro, polo que se regula o Sistema Cartográfico Nacional (BOE do 30.11.2007). Na sección 3ª recóllese todo o relacionado co Nomenclátor Xeográfico Nacional

Normativa internacional

Directiva 2007/2/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de marzo de 2007 (DOUE do 25.04.2007), pola que se establece unha Infraestrutura de Información Espacial na Comunidade Europea (INSPIRE). Pode obterse máis información sobre esta directiva e a iniciativa INSPIRE na seguinte páxina: http://inspire.jrc.ec.europa.eu/.

Copyright, Aviso Legal, Política de privacidade e Accesibilidade