O proxecto “Ao son da oralidade. O noso patrimonio” publica na rede vídeos sobre a toponimia de Ames

O ambicioso e premiado proxecto “Ao son da oralidade. O noso patrimonio” segue coa súa vizosa andaina: hai unhas semanas, subiron á súa canle de Youtube uns vídeos que reproducimos baixo estas liñas. Entre eles, poderás coñecer na voz do propio alumnado do IES do Milladoiro en que consistiu o propio proxecto e, especialmente, a orixe e significado dos nomes do seu concello: Ortoño, Biduído, Bertamiráns, O Milladoiro... 

Estes vídeos formaron parte da exposición que de outubro de 2023 a xaneiro de 2024 puido visitarse no Museo do Pobo Galego baixo o título  “Ao son da Oralidade. O noso patrimonio. Da pedra á palabra. Da prehistoria ao século XXI” e que foi elaborada en colaboración con outro dos centros cunha ampla traxectoria na defensa da nosa toponimia tradicional, o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. A xente que puido visitala mergullouse no patrimonio destes dous concellos a través dunha coidada selección de materiais expositivos enriquecidos con códigos QR, fontes audiovisuais, audioguías narradas polo propio alumnado, xogos interactivos...

“Ao son da oralidade. O noso patrimonio” é unha idea do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES do Milladorio que se está a desenvolver desde xa hai varios cursos escolares. O obxectivo principal do proxecto é achegar o patrimonio material e inmaterial do concello amesán ás aulas do centro, sempre procurando a implicación do alumnado, do profesorado e das familias. 

Durante os anos precedentes foron moitas e moi diversas as actividades que se puxeron en marcha ao seu abeiro. Por exemplo, en marzo de 2021 organizaron unhas xornadas na Casa de Cultura do Milladoiro para que o alumnado puidese conversar con profesionais que traballan nas tres liñas de investigación do proxecto: arqueoloxía, oralidade e toponimia. Nestas xornadas, o IES do Milladoiro convidou a participar a Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario do Onomástica da Real Academia Galega. 

Deixámosvos os vídeos do proxecto “Ao son da oralidade. O noso patrimonio” e agardamos que vos gusten tanto coma nos gustaron a nós. Ademais, aproveitamos para darlle os parabéns á comunidade educativa do IES do Milladoiro que tanto e tan ben está a traballar na defensa do noso patrimonio inmaterial.

Presentación do proxecto polo propio alumnado

Vídeos coas etimoloxías dos topónimos

Tipos